EXPERIENCIAS
Ao longo de todo o ano organizamos festas, xuntanzas e encontros con músicos ao vivo para desfrutar dos nosos cantos tradicionais, canto popular e canto de taberna. Tanto para animar festas e eventos como actividades propias de convivencia e de lecer. Sempre ligado ao aspecto gastronómico e todas aquelas cousas que nos fan sentir ben!
FESTA!
Festas do Cristo 2020 en Cangas
"Máis Cantos" deu vida esta tarde ao centro de Cangas nunhas atípicas Festas do Cristo. Máis de dúas decenas de persoas, completamente vestidas de branco e con paraugas de cores, percorreron inicialmente o paseo da praia de Rodeira ao ritmo de gaitas e acordeón cantando cancións tradicionais galegas.
Partiron ás 19.30 horas. A comitiva percorreu ao longo da serán o Paseo Pepe Poeta, a Praza dás Pontes, a Praza do Concello, a Praza María Soliña, o Eirado do Sinal, o Paseo Eugenio Sequeiros, a Praza dá Constitución e a Alameda Vella asolagando a vila de música nunha actuación itinerante que os organizadores definiron como "unha experiencia de vibración conxunta".
Nelson Quineiro levou a voz e a percusión mentres Álvaro Cardalda encargouse de acordeón e Iago Prieto da gaita.
Programación de verán do Concello de Poio. Lourido
Un dos momentos mási fermosos do verán 2020 tivo lugar en Lourido, Poio, a finais de agosto, nunha velada que fixemos un itinerario cantado polo incomparable paseo para ofrecer un concerto no delicioso marco do Pinar de Cabeceira.
Unha das múltiples actividades enmarcadas no programa Re-Inicia o Verán do Excmo Concello de Poio, en apoio ao sector cultural local.
Festas da Peregrina 2020 en Pontevedra
O día 9 de agosto fumos programados polo Excmo Concello de Pontevedra para animar as rúas e prazas da Boa Vila ao ritmo das músicas populares, música tradicional e cantos de taberna con case unha centena de cantareiros/as vestidos de branco con arranxos frorais e con paraugas de cores, mantendo a distancia de seguridade e empregando máscara protectora.
Estivo xenial! Foi ben sonado!!!!
Festas do Carmen 2020 en Marín
Unha das nosas primeiras encomendas despois do confinamento foi poñer cor, ritmo e banda sonora nas Festas patronais da Virxe do Carme en Marín. Para manter a distancia e a seguridade hixiénica optamos por empregar máscara protectora e paraugas de cores, que se convertiron nun elemento escénico marabilloso.
Ademais, fixemos estrea das nosas bolsas mochila rotuladas co logotipo que o debuxante Gogue fixo para nós. Xenial!
Festa de Entroido 2020 en Mogor
De cando en vez a festa montámola nós, coma no caso deste Entroido que celebramos na Casa da Cultura de Mogor ou do Magosto que celebramos no pasado mes de novembro.
Cada quen leva o que lle apetece. Hai tortillas, croquetas, empanadas, viño e moita alegría. Montamos unha boa paparota, cantamos o noso repertorio, e ás veces móntase un guateque de consideración. Alegría!!!!
"Músicas de Domingo" no Centro Cultural Casa Verde de Salcedo (Pontevedra)
O noso director musical, Nelson Quinteiro, convidounos a colaborar no directo do seu disco "Músicas de Domingo" na súa presentación oficial en Pontevedra, no Centro Cultural Casa Verde, e ata alí fumos, a pasar unha tarde de domingo do máis emocionante.
Aproveitamos, coma sempre, para botar algunha das nosas cantigas máis emblemáticas, acompañados do acordeonista Álvaro Cardalda e do gaiteiro Iago Prieto.
"Músicas de Domingo" no Auditorio Municipal de Cangas.
Varios son os temas musicais do disco "Músicas de Domingo" do noso director, Nelson Quinteiro que compartimos.
Ás veces, nos directos do disco somos convidados, coma neste caso, ao Auditorio Municipal de Cangas. Para nós, subirnos ao escenario dun auditorio sempre nos entusiasma, sobre todo se é para cantar un tema tan entrañable como este "Camariñas" co piano de Brais González e o acordeón de Álvaro Cardalda.
Acendido do alumeado de Nadal 2019 do Concello de Marín
Recibimos a magnífica encomenda de animar o Acendido das luces de Nadal 2019 no Excmo Concello de Marín, e chamamos ao noso amigo o "Apalpador Xigante" e mais aos seus amigos "Os Apalpadoriños" para que nos acompañaran nunha ocasión tan especial. Vestímonos de cadros, portamos axóuxeres, pandeiros, panderetas, botellas de anís, e montamos unha boa!
Noite da Estrela 2019 no Concello de Marín
No pasado mes de setembro de 2019 fumos convidados pola Asociación Estrela de comerciantes e hosteleiros de Marín e mais polo Excmo Concello de Marín a dinamizar "Noite da Estela", cos comercios abertos ata a noitiña.
Montamos unha tremenda festa polas rúas e prazas de Marín, e estrenamos o noso equipamento de verán, coa camiseta "Mais Cantos" que o debuxante Gogue deseñou para Mais Cantos. Veredes que festón!!!!
Festa da Raia 2019 en Portonovo
Por segundo ano consecutivo fomo convidados á clausura da Festa da Raia de Portonovo para montar unha das nosas.
Nesta ocasión a festa exisía vestir de domingo, coa presentación oficial do repertorio do disco "Músicas de Domingo" do noso director musical, Nelson Quinteiro.
Alí montouse un piano de cola diante da lonxa, para desfrutar do talento de Brais González. Á batería estivo Blas Castañer, ó acordeón David Álvarez Caneda e á gaita Iago Prieto.
Contamos coa pintura en directo da artista Alba F. Troiteiro e desfrutamos dunha velada que continuou dentro da lonxa con un concerto de cantigas populares, tradicionais e de taberna acompañadas dunha magnífica ración de raia. Foi inesquencible!!!
A verdade é que a "Experiencia Mais Cantos", como contido musical, amósase bárbaro para calquera festa ou exhaltación gastronómica. Está científicamente demostrado que as nosas cantigas, a nosa actitude, a nosa festa e as nosas propostas son as que mellor maridan coas excelencias e exquisiteces da nosa gastronomía. Así foi na Festa da Raia 2018, na Festa da Raia 2019, e así tería sido na Festa da Raia 2020, na Festa do Choco 2020 de Campelo (Poio) ou na Festa do pan e da regueifa de Valongo (Portugal), citas que se suspenderon por mor do Coronavirus. Volveremos!!!!
Así de ben o pasamos nos nosos ensaios. Música, ritmo e movemento para sacar actitude!
Os nosos ensaios, moitas veces, convírtense nunha auténtica festa. Estiramentos, xogos teatrais ou dinámicas do máis variado para sacar esa actitude festiva e desenfadada que nos caracteriza, e que tanto anima e emociona ós noso espectadores/as.
Aquí podedes ver o salón de baile que se montou para armar a peza "Gaivotiña" de Leopoldo G. Agís, unha das xoias do noso repertorio. Alí mesmo, entre nós, estaba Mandi, irmá do creador desta increíble peza! Foi un ensaio fabuloso!!!
Tarde dos Pepes e das Pepitas 2019. Concello de Marín.
Un dos nosos éxitos máis recentes consistíu na recuperación, en Marín, da tarde dos Pepes e das Pepitas, o 19 de marzo, cando tradicionalmente se ía polas casas e balcóns a cantar serenatas aos Joses, Josefas, Pepes, Pepas, Pepitas, Chefas...
Para a ocasión vestímonos de branco con frores e armamos un itinerario cantado polas prazas e a rúas de Marín, rematando con unha divertida cuchipanda no Salón de Usos Multiples da Praza de Abastos de Marín. Foi unha das nosas actuacións máis memorables. Aínda que o tempo ía frío, levamos sete saias e refaixos para escorrentar o frío. Foi unha tarde ben fermosa!!!!
Músicas ao Natural 2019 en Viveiros O Piñeiro (Pontevedra)
Un concerto entre prantas e frores sempre é unha evocadora experiencia, e así o fixemos na Área Comercial "Viveiros O Piñeiro" de Pontevedra, dentro do Ciclo "Músicas ao Natural" polo que pasaron artistas como Emilio Rúa, Silvia Penide, David Sinespinas e Nelson Quinteiro, o noso director musical, quen nos convidou a cantar con nós da man do pianista Brais González.
Alí estaba o noso amigo Bruno coa súa foodtruck Nordesía, quen nos servíu unha degustación do seu viño de autor "A Laxe" de Sanxenxo ou pedir un gin-tonic decorado. Foi marabilloso!!!
Sanxenxo en Branco 2018 e 2019.
Festas de Sanxenxo e Santa Rosalía.
Unhas das nosas actuacións máis memorables tiveron lugar con motivo do chupinazo das Festas patronais de San Xenxo e Santa Rosalía en Sanxenxo nas edicións 2018 e 2019.
O noso director musical e o daquela Concelleiro de Turismo e Deporte, Suso Sueiro, tiveron a magnífica idea de recuperar os cabezudos de Sanxenxo, que levaban máis de 20 anos agochados nun almacén, para saír danzar polas rúas e prazas de Sanxenxo con motivo do chupinazo inaugural das festas.
Con tal motivo foron restaurados pola Escola de Arte de Sanxenxo e saíron danzar con nós.
Ata Sanxenxo mobilizamos dous autobuses ateigadiños de cantareiros/as vestidos de branco e adornados con motivos florais e bandeiras galegas.
Cantamos polas prazas ao son do acordeón de David Álvarez Caneda, da gaita de Iago Prieto, o ukelele e percusión de Nelson Quinteiro e o bombo de David Lorenzo.
Fumos de churrascadas, e volvimos baixar á vila, chamando a atención de centos de bañistas na praia de Silgar, que viñeron cantar connosco. Foi memorable!!!!
Mais Cantos en Combarro. Semana cultural de San Roque 2018
Unha das sensacións máis fermosas que experimentamos como grupo consistíu nunha cantada itinerante polos cruceiros e hórreos de Combarro, que tivo lugar con motivo da Semana Cultural de San Roque no mes de agosto de 2018.
Ata alí deprazámonos un cento de persoas vestidas de branco acompañados do magnífico grupo de gaiteiros "Río de Anxo" de Rianxo para facer unha especie de "vía crucis" polas principais prazas e lugares emblemáticos desta xoia do barroco urbano e a construcción tradicional galega.
Seguíronnos centos de persoas, e armamos unha experiencia que levaremos sempre nos nosos corazóns.
Pequeno Circo de Entroido en María Pita 2018. Excmo Concello da Coruña.
Unha das nosas primeiras intervencións públicas tivo lugar na segunda edición do festival "Pequeno Circo de Entroido" que o noso director musical, Nelson Quinteiro, artellou para a Concellaría de Culturas do Excmo Concello da Coruña con motivo das Festas de Entroido 2017 e 2018.
Ata alí desprazámonos un autobús de persoas disfrazadas de choqueiras quen, xunto á charanga tradicional "O Equipo B" fixemos as delicias dos coruñeses/as. Viva o Entroido!!!!