
No Modelo Mais Cantos, grande parte das cousas importantes que acontecen teñen lugar nas sesións semanais, na continuidade dos ensaios e na vida cotiá dos grupos. Pero todo o proxecto cobra unha nova dimensión a través das Experiencias Mais Cantos.
É nelas onde a comunidade sae ao encontro dos demais, se fai visible e ocupa o seu lugar. Onde construímos rituais contemporáneos, celebramos, compartimos e levamos ás rúas e ás prazas unha das ideas que forman parte do noso ADN: a ocupación artística e performativa do espazo público.
As persoas que forman parte de Mais Cantos non son figurantes nin destinatarias dunha actividade. Son participantes, intérpretes, creadoras e protagonistas. Cidadáns e cidadás de primeira que toman parte activa na vida cultural da súa comunidade.
Por iso as nosas experiencias non son simplemente actuacións. Están concibidas como propostas culturais de primeira liña, cunha forte identidade visual e artística, capaces de integrar música, canto comunitario, participación, celebración e encontro, e de dialogar con diferentes contextos, territorios e programacións.
Pensa na potencia visual dun autobús do que desembarca unha comunidade enteira vestida de branco e coroada de flores.
Pensa na forza dunha canción compartida por centos de persoas na praza da túa vila.
Pensa nunha rúa que deixa de ser, por un momento, un lugar de paso para converterse nun lugar de encontro.
Iso é o que queremos levar á túa vila.
LÉVANOS.

