Día Internacional das Persoas Maiores 2026! Equinocio de outono, cambio de estación e celebración!

BOTÁMOSLLE VIDA AOS ANOS!
Mais Cantos celebra o Día Internacional das Persoas Maiores
Non contamos os anos. Facemos que os anos conten.
Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, a comunidade Mais Cantos ponse en camiño para celebrar unha xornada moi especial arredor da música, o patrimonio, a gastronomía e, sobre todo, do pracer de estar e facer xuntos.
O vindeiro sábado 3 de outubro, máis de medio cento de cantareiros e cantareiras, familiares e amizades compartiremos unha experiencia que nos levará desde Marín, Pontevedra e Poio ata Agolada e Santiso.
Porque envellecer activamente non consiste unicamente en sumar anos. Significa seguir creando vínculos, coñecendo lugares, aprendendo, cantando, celebrando e formando parte activa da comunidade.
Botámoslle música. Botámoslle encontros. Botámoslle amizade. Botámoslle festa.
Unha comunidade que se pon en camiño
A xornada comezará ás 09:30 h na Escola Naval Militar de Marín, desde onde partirá o noso autobús. Faremos paradas en San Roque, Pontevedra, e en Lourido–Naves do Froiz, Poio, para reunir unha comunidade viaxeira de 55 persoas, con algún convidado adicional que irá pola súa banda. 60 comensais!
O primeiro destino será Agolada, onde teremos ocasión de coñecer o singular conxunto dos Pendellos e seremos recibidos para compartir un pequeno concerto de presentación de Mais Cantos.
Cantaremos, polo tanto, tamén fóra dos nosos lugares habituais. Porque unha das ideas que sosteñen o Modelo Mais Cantos é precisamente esa: o canto como lugar de encontro, capaz de crear comunidade alí onde acontece.
Despois chegará o tempo do vermú, do encontro e da conversa antes de continuar o camiño cara a Santiso.
Da Palloza á sobremesa musical
En Santiso agárdanos o Fogar de Breogán, onde celebraremos a nosa comida de convivencia no espazo da Palloza.
Compartiremos mesa arredor dun menú de entremeses, churrasco mixto, ensalada e sobremesa. E cando remate a comida, o encontro continuará na cafetería exterior co café e os groliños.
Pero en Mais Cantos unha sobremesa dificilmente pode rematar sen música.
Por iso, Nelson Quinteiro e Mais Cantos converterán ese momento nunha sobremesa musical participativa, prolongando a celebración entre cancións, lembranzas, encontros e ganas de pasalo ben.
Ás 19:00 h aproximadamente iniciaremos desde Santiso a viaxe de regreso, facendo en sentido inverso as paradas de Lourido, Pontevedra e Marín.
Celebrar as persoas maiores... sendo protagonistas
Esta xornada nace arredor do Día Internacional das Persoas Maiores, pero queremos facelo á nosa maneira.
Non queremos falar das persoas maiores unicamente como destinatarias de actividades, atención ou coidados. Queremos reivindicar a súa capacidade para participar, crear, decidir, viaxar, cantar, ocupar o espazo público, construír relacións e continuar xerando cultura e comunidade.
E facelo, ademais, desde unha experiencia interxeracional na que teñen cabida cantareiros e cantareiras, parellas, amizades, familias e nenos.
É precisamente esta concepción da comunidade, a memoria, o encontro, o coidado e a participación a que forma parte da identidade de Mais Cantos.
Porque cumprir anos pode significar tamén seguir tendo lugares aos que ir, persoas coas que compartilos e motivos polos que ilusionarse.
Non contamos os anos.
Facemos que os anos conten.
BOTÁMOSLLE VIDA AOS ANOS!
¿Queres sumarte? Envia whatsapp ao 647647404




Comments